INFORMACIÓN
Banda de Música da Vertula
Manuel Muñoz Hermida (Director)
A Escola e Banda de Música da Vertula de Paradela (Meis) naceu no seo do Centro Cultural A Roda Pequena no ano 1990 cando, por iniciativa de Benilde Hermida, inícianse as clases de solfexo e instrumento. No ano 1992 realiza a súa primeira actuación na parroquia con 15 músicos, Na actualidade todas as actividades se integran dentro da Asociación Cultural A Vertula converténdose no elemento dinamizador máis importante da parroquia. A maioría dos integrantes da Banda da Vertula son rapaces/as e mozos/as de Meis que atopan na música un espacio de lecer e educación.
Realiza actuacións tanto en Galicia como en Portugal e ten participado en diversos certames musicais da nosa xeografía. A nivel pedagóxico colabora con concertos didácticos co C.P.I. de Meis así como a Escola de música Alfaia de Fontiñas (Santiago)
Desde a súa orixe a banda está dirixida por Manuel Conde Calvo e Casiano Mouriño Maquieira, sendo este último o actual director honorífico (pola súa labor altruísta), interpretando un extenso repertorio que inclúe desde a música galega ata as composicións modernas. En colaboración coa Coral Xuntanza de Meis e o Coro de Santa María de Paradela, abordan un repertorio tanto sinfónico coral como popular galego.
No ano 2008 acadou o 1º premio na sección 3ª do 1º concurso zonal de bandas organizado pola Deputación de Pontevedra. No ano 2009, na súa primeira participación, acadou o 1º premio na sección 3ª do IX Certame de bandas organizado pola Deputación de Pontevedra, e no ano 2011 volve a repetir o 1º premio no XI Certame de bandas da Deputación de Pontevedra.
No ano 2012, gravou a banda sonora da curtametraxe “Anamnese” da xove directora de cine pontevedresa Leticia Prieto, música composta polo director da banda de música, Casiano Mouriño, así como participou no mesmo ano XIII Certame Internacional de Bandas de Música Vila de Aranda en Aranda de Duero.
Na actualidade, están introducindo outro tipo de repertorio, como as Bandas Sonoras de películas ou a música Pop e Rock, apostando así por un repertorio non tan frecuente para este tipo de formación.
Neste ano 2020, celebran o seu XX Aniversario.
Manuel Muñoz Hermida nace en Meis o 20 de outubro de 1981. É membro-fundador da Banda da Vertula onde comeza os seus estudios musicais e de clarinete en 1991 con Casiano Mouriño.
En 1999 ingresa no Conservatoro Profesional de Música de Vigo en Grao Profesional. Nese mesmo ano que comeza os estudios de Grao Profesional, comeza tamén os estudios de Educación Musical os cales remata en 2002. No ano 2006 aproba as Oposicións ao Corpo de Mestres de Primaria, na especialidade de Educación Musical, así como o aceso ao Grao Superior no Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde acada a titulación de Grao Superior de Clarinete.
Na actualidade combina a docencia en Educación Primaria, no CPI de Mosteiro-Meis, onde exerce o cargo de Xefe de Estudos, os estudos en Grao Superior en Produción e Xestión Musical no Conservatorio Superior de Música de Vigo, así como a función de Presidente da Asociación Cultural A Vertula e director da Banda de Música da Vertula.


Banda de Música da Vertula
Vertula: que é?
O nome da banda, Banda de Música da Vertula, pónselle dende o seu inicio polo nome que recibe o topónimo do lugar onde se atopa o seu local social. Este topónimo era empregado antigamente, pero foise perdendo co paso do tempo, polo que se decidiu porlle este nome, primeiro porque fai referencia ao sitio onde nace a banda, e logo como medio de recuperación ou perduración no tempo da toponimia ou microtoponimia. É moi habitual a confusión do nome con "Vértula", "Vertola" e outros, por outros topónimos parecidos ou polo descoñecemento da súa orixe.
Hoxe en día, aínda é empregado por algúns dos veciños da zona, sendo este un dato interesante e que se supón que a creación da banda e o seu nome puideron contribuir á súa conservación. Dende a banda seguirase a seguir levando e difundindo este nome por toda a xeografía pola que pase.
Longa vida á Vertula!






